Órganos de goberno na USC

A Universidade de Santiago de Compostela, para o seu goberno, tense dotado dunha serie de órganos colexiados, nomeadamente o Consello de Goberno, o Consello Social e o Claustro Universitario. Nestas eleccións, nós escollemos a nosa representación en Claustro, que á súa vez terá que decidir, unha vez eleita, quen representará ao estudantado no Consello de Goberno primeiro, e estes de xeito indirecto, quen o fará no Cosello Social despois.

Do mesmo xeito, cada Facultade ten as súas Xuntas, onde se toman decisións
colexiadamente e os Departamentos os seus pequenos Consellos, onde orientan as súas
decisións.

A nosa capacidade de incidencia en calquera dos órganos pódese considerar
aritmeticamente limitada, pero cualitativamente imprescindíbel, pois de que o noso
colectivo teña representación comprometida depende que certos debates, moitas demandas e numerosas reivindicacións cheguen ao corazón da USC.

Esta publicación ten por obxectivo informarte das competencias destes organismos que máis nos poden afectar, para que así comprendas a importancia da túa participación nas eleccións que se celebrarán os días 21 e 22 de maio na USC.